O proxecto Expostas avoga pola reflexión sobre a imperiosa necesidade de re-apropiación do
espazo público por parte das mulleres, como artistas e como colectivo representado. E é que,
¿quen dixo que a rúa “non é sitio para mulleres”?
Expostas está formado por:
Til Diacrítico, entidade formada por Lorena Arévalo, Cristina Navia e Susana Maceiras, entra en
contacto hai anos con Vanesa Álvarez, artista e deseñadora gráfica. Deste encontro nacen
diferentes colaboracións e confluencia de ideas que acaban por madurar no proxecto Expostas.
Vanesa Álvarez é unha brillante creadora que xa participou nas anteriores convocatorias de “Vigo,
una ciudad de color” con diferentes murais, tanto individuais como colaborativos. Foi creadora da
imaxe de Rosalía de Castro na Casa de Galicia en Nova York e é a precursora, xunto a Marcos de
La Fuente, do Festival Kerouac, festival de poesía que conecta Vigo e Nova York.
Este proxecto é, por tanto, producto da sinerxia entre un grupo de mulleres con experiencia e
formación en socioloxía, xénero, deseño, comunicación, arte mural, arte participativo e artivismo, o
cal dota a Expostas dun sentido máis alá do “urbano” máis alá do representado.
Que a arte urbana é unha disciplina predominantemente masculina é algo que non sorprende a
ninguén. O habitual, cando preguntamos a un artista urbano sobre este feito, é que se encolla de
ombreiros e responda cun apático “si, é verdade”. Deste xeito, os membros do colectivo aceptan,
sen buscar explicación, que efectivamente resulta complicado atopar mulleres que, no seu eido,
gocen do seu mesmo nivel de recoñecemento. Se esta diferenza é debida a unha cuestión de
desinterese por parte das potenciais artistas femininas, ou a unha consecuencia directa do
absoluto predominio masculino no pechado e cohesionado grupo de artistas urbanos, é un tema
sobre o que merece a pena reflexionar, se ben a resposta parece clara. E é que, ¿que argumentos
poderíamos esgrimir, máis aló do evidente: que o eido da arte urbana, coma outras disciplinas
artísticas, atopase predominantemente dominado por homes? E iso non se debe, dende logo, a
que non existan excelentes mulleres artistas capaces de darlles réplica: as obras de arte
realizadas por mulleres representan o 65% do total da produción da arte contemporánea, mentres
o mercado visibiliza maioritariamente o traballo dos homes, segundo datos ofrecidos por MAV
(Mulleres nas Artes Visuais) tras estudar a presenza feminina na derradeira edición de ARCO. Así,
lonxe de recoñecerse como creadora, a muller parece quedar relegada ao eterno papel da musa
inspiradora.
Por este motivo, é necesario reivindicar o papel da muller na creación muralística internacional,
non só porque, como se indicou, existen grandes creadoras cuxa labor merece ser recoñecida, se
non porque a única forma de aportar unha visión feminina do mundo é facelo a través dos ollos (e
as mans) dunha muller.
Resulta non só interesante, se non necesario, analizar cómo é abordada, tradicionalmente, a
natureza da representación feminina na arte contemporánea en xeral, e na arte urbana en
particular. A importancia de analizar a representación da muller na arte urbana, e de buscar formas
de figuración que contribúan ao empoderamento da muller a través da arte, estriba en que as
imaxes son eficaces ferramentas de creación, reprodución e transmisión de significados. A
construción da realidade coñecida polo imaxinario colectivo realízase de maneira conxunta a
través da aceptación das imaxes transmitidas. A transmisión dunha imaxe falsa, xera unha falsa
crenza, que terminará sendo socialmente aceptada.
O potencial da arte urbana coma vehículo condutor e difusor de significados é incuestionable,
dado que, debido ao seu emprazamento (o espazo público), as mensaxes vertidas a través das
pezas adquiren unha forza e un calado superior a outras manifestacións plásticas. Isto é debido,
fundamentalmente, a dous feitos: o primeiro, a súa localización, pois unha mensaxe difundida na
rúa, sen dúbida, ten unha capacidade de impacto cuantitativamente superior ao que pode ter unha
obra reservada ao público minoritario que visita unha galería ou unha sala de exposicións. En
segundo lugar, e novamente, vencellado ao espazo no que se inserta a mensaxe, o contexto
urbano re-significa a peza, ofrecendo un marco conceptual que determina a lectura e o que de ela
se extrae.
En moitos aspectos, a muller segue a ser relegada á esfera privada da vida doméstica. Un repaso
pola historia da arte moderna e contemporánea máis academicista (aquela cuxas pezas podemos
atopar nos museos) mostra claramente o papel que o patriarcado concede á muller, a
representación da cotidianeidade de ese “anxo do fogar” deseñado polo capitalismo liberal
burgués e masculino: salóns, habitacións, mobles… elementos de gran carga simbólica que
representan o vínculo que a sociedade patriarcal trazou entre a muller e o espazo privado.
De aí a importancia de visibilizar a muller na rúa, non só coma artista, senón como motivo de
creación.

 

www.expostas.org