Nada en Santiago de Compostela e criada en Ordes, é técnica superior de Ilustración pola
EASD Pablo Picasso. Desde pequena xa tiña algo co que debuxar na man e tense visto que a
día de hoxe aínda non o soltou. É unha apaixoada dos retratos, pois lograr expresar tanto en
tan só unha cara parécelle extraordinario. No seu traballo destacan as figuras femininas e as
olladas cun trasfondo. Quen a coñeza sabe que con darlle un bolígrafo, en caso de que lle
falte, xa é feliz.
A súa obra pódese resumir en dúas partes: a primeira, a máis realista,detallada e en branco
e negro; a segunda, máis animada, entrando tamén no ámbito do muralismo. Estas dúas
partes son moi opostas, xa que na primeira dedícase a traballar en formatos pequeniños e
reducidos, mentres que na segunda gústalle experimentar a ilustración en formatos
diferentes, sobretodo en paredes.
Tivo a sorte de poder participar en obradoiros desde cativa sobre eventos de graffiti e arte
urbana, como no DesOrdes Creativas, Rexenera Fest, Compostela Contemporánea, etc.