Artista autodidacta de marcado carácter persoal, obsesionado pola cor e a composición que trata
de achegar, desde formulacións investigadoras e existencialistas, novos camiños expresivos e
comunicativos da arte. Aínda que a súa obra é eminentemente pictórica, realiza tamén obra
fotográfica, cartelismo, ilustración e deseño artístico.
É coñecido polo seu afán de allegar o mundo da arte aos máis novos, mediante publicacións,
artigos, conferencias, programas educativos e culturais, etc., actividade esta que o ten levado a
foros internacionais da educación artística como o “4 th International Congress of Educating
Cities” en Chicago , como creador e coordinador do Programa Educativo ” Escola e Arte”.
Inicia a súa andaina artística no ano 1980 expoñendo no Premio “Francisco de Goya” de Madrid,
realizando, desde entón, numerosos proxectos e exposicións. A súa obra está representada nunha
ducia de museos e en coleccións públicas e privadas entre as que cabe destacar a Colección
Thyssen Bornemisza ou a do Centro Unesco de Porto.
Realizou exposicións individuais en Madrid, Stuttgart, Ravenna, New York, Lisboa, O Porto,
Sevilla, Santiago, Santander, Vitoria, Vigo, A Coruña, Oviedo, Valladolid, Ourense, Pontevedra,
Alacante, Xixón, Conca, Valencia, León, Zaragoza, Barcelona, etc.
Paralelamente coa súa actividade artística, Mingos Teixeira desenvolveu unha intensa actividade
académica no ámbito da educación artística e a creatividade.
No ano 1984 crea e dirixe a “Escola de Medios Técnicos de Realización Artística” na súa cidade
natal, formando, desde entón, a numerosas xeracións de nenos e novos, tanto na súa Academia
como a través dos Programas Educativos “ Escola e Arte” “Arte na Aula” e “Crea” que desenvolve
o Concello de Vigo nos seus centros educativos.
En 1996 “ Escola e Arte” é presentado no Congreso Mundial de Cidades Educadoras baixo o lema
“As Artes e as Humanidades como Axentes de Cambio Social” sendo elixido programa modelo a
aplicar nas cidades membro.
A edición e publicación de libros, artigos, unidades didácticas, etc. sobre arte e creatividade
elaboradas por Mingos, nacen como resposta case obrigada para tentar dar unha maior difusión
aos cursos, conferencias e charlas didácticas impartidas tanto ao público en xeral como ao
profesorado a través da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
A crítica artística e o comisariado de exposicións é outra das actividades relacionadas
directamente con esta actividade didáctica que o artista vén compasando co seu labor creativo.